

Enllaços de sentiments i vivències
Camiñou toda a tarde polo paseo cuberto, e aburríase. Sobre a bóveda transparente, o ceo seguía coa cor acastañada de sempre. Dos portais ninguén saíu. Os paneis proxectaban contra o seu corpo imaxes, músicas e sensacións: frío, calor, chuvia, neve, medo, gozo, alegría, depende das necesidades. Todo está dito. Para mercar, para vender, para descansar, para recargar as conexións eléctricas, para durmir, para canalizar certos soños. O linde do real é un muro de titanio. Deste lado, todo é aparente, ou sexa, real; alá, nada é realidade mentres non recibe a aprobación do Mercado. Ou sexa, o Goberno Terrestre. Nin sede, nin rostro. Todo o mundo recoñece a súa autoridade. E xa está.
Hai tempo incontable, un devanceiro esquecido escribiu dous libros. Debeu ser aló polos primeiros anos do século XXI. Eran as vellas contas. Os libros eran obxectos feitos de papel, un material que se extraía de árbores cando as que quedaban na superficie da Terra eran poucas e, disque, feas. Agora hai moitas, e todas son fermosas, pero só serven como ornamento nos paseos cubertos das cidades. Non dan papel nin osíxeno. Non é necesario.
Lembrar un devanceiro é nostalxia, din, unha debilidade humana prescindible nesta última fase terrestre, antes de que a colonización doutros planetas (valen satélites, din os científicos) sexa unha realidade conclusa. Tanto ten. O caso é que ese devanceiro escribira dous libros. Non paga a pena explicar o concepto de escritura porque entón o tempo quedaría estricado coma un arame. Pero escribir e ler, que é outro concepto igual de curioso e de difícil comprensión, foron actividades que desapareceron xa haberá máis de trescentas mil translacións. Agora temos proxectoras multidimensionais. Agora vemos, escoitamos, sentimos. Escribir e ler era outra cousa. Contan algúns eruditos arqueólogos e físicos unificados que aquelas actividades eran física e psiquicamente esgotadoras. Non se sentía o que hoxe se sente ao experimentar unha ficción ou unha realidade multidimensional. A conexión subcutánea con células activas hipersensibles que mandan informacións múltiples ao cerebro ofrece outras experiencias. Daquela, por contra, conforme quedou dito a través do tempo lineal, había que facelo todo. Contan que aqueles homes non eran autosuficientes, requirían da axuda doutros conxéneres, pero é moi complexo comprender ese concepto que implica unha ausencia. Dis que aquilo ao que lle chamaban ler consistía en procesar os signos indescifrables que se deseñaban sobre material primitivo e deixar que fose o cerebro o que soñase con versións moi esquemáticas das imaxes que coñecemos hoxe grazas ás proxectoras. O máis perigoso de tan extremada actividade era que non estaba garantido que a descodificación fose en todos os casos a adecuada. Todo un problema.
Nos últimos tempos, por algunha razón que os asesores de Mercado non deron captado aínda, empeza a estenderse certa afección obsesiva pola arqueoloxía. É preocupante, porque as obsesións, en teoría, foran extirpadas xa moito atrás do noso código xenético. Pero se ve que algún residuo quedou, e iso é perigoso. El, que camiña toda a tarde polo paseo cuberto, aburrido, baixo un ceo de cor acastañada, é un dos obsesionados coa arqueoloxía. De aí lle veu o coñecemento dun antepasado seu que escribiu dous libros. Un dun xénero moi estraño chamado poesía, que era como dicir cousas sen sentido, e o outro unha novela, que viría a ser máis ou menos un antecedente das tramas multidimensionais que abandonan as proxectoras cada día cando conclúe a xornada de produción e comeza a de consumo e descanso.
Agora é todo moito máis agradable. Suave. Pero el leva uns días sentíndose estraño, coma se se vira a si mesmo desde a distancia. Por iso ao mellor non dá quitado do pensamento o seu devanceiro. E talvez por mor da súa paixón arqueolóxica pensa mentres camiña que non lle importaría nada volver ao punto espaciotemporal en que aqueles estraños obxectos deixaron de existir. E alí, se dera chegado, procuraría o nó en que naceu o universo que agora habita. Non por desfacelo, que non sabería, senón por coller o ramal que o levase a outro universo. A un no que puidera ler os libros que deixara escritos o seu devanceiro. E outros, que seica os había a milleiros. E desfacerse das molestas células de conexión subcutánea.
Porque xa vai canso de aburrirse con historias que empezan, avanzan e terminan. Porque xa confunde emocións con estímulos. Porque este universo que lle tocou é plano, ten unha dimensión, xusto a que lles sobra a esas historias que escapan das proxectoras multidimensionais. Porque detesta traballar para acumular e consumir imaxes. Porque lle parece demasiado simple o sentido das cousas entre as que vai vivindo sen decatarse. Porque non coñece a ninguén. Por millóns de razóns máis que se lle ocorren e procura non comunicarlle ao cerebro central. Porque por esa e outras razóns lle doe a cabeza. Porque se sente seco por dentro e cando iso pasa, sábeo por experiencias referidas clandestinamente, vén a brigada con desactivación, limpeza e disolución no cerebro central. Porque lle gustaría imaxinar un ceo que non tivese sempre esa cor acastañada.
Cambodia 2010 from Josep Girona on Vimeo.